Poio, A Costa
Litoral do concello de Poio
O concello de Poio está situado na marxe dereita da ría de Pontevedra, desde Raxó ata o esteiro do Lérez, onde está conectado con Pontevedra pola ponte da Barca.
O relevo é moi accidentado, as abas dos montes caen bruscamente cara ao mar e só hai algúns territorios chans na pequena faixa costeira, con numerosos ríos que baixan do Castrove, de curto percorrido e pendentes pronunciadas.
Na área costeira alternan os esteiros e marismas formados polos numerosos ríos que achegan os seus sedimentos, algunhas praias e pequenas zonas rochosas de pouca altura. Hai importantes zonas de marisqueo a pé e parques de cultivo. As principais poboacións costeiras son Raxó, Combarro e Campelo.