Outes, A Costa
Litoral do concello de Outes
O concello de Outes está situado na marxe dereita da ría de Muros e Noia, co Tambre facendo linde polo sur. A costa é abrigada e está ocupada por amplas áreas de marismas nos esteiros dos ríos (Tambre, Entíns, Bendimón...), algúns areais, e zonas de cantís de pouca altura. Acolle importantes bancos marisqueiros. As principais actividades son os servizos, a industria (estaleiros, serradoiros...), a pesca, o marisqueo e a agricultura. Conta con áreas de grande interese natural e conserva un importante patrimonio cultural: castros, mámoas, pontes, hórreos (chamados localmente moas), cruceiros, igrexas...