Carballeiras e fervenzas do Barragán
O río Barragán é un afluente do Oitavén que nace na aba oeste do Coto Eiras e percorre terras dos concellos de Mondariz, Pazos de Borbén e Fornelos de Montes. O último tramo do seu curso está afectado polo encoro de Eiras, onde se xunta co Oitavén. O seu val acolle unha das fragas naturais mellor conservadas da provincia de Pontevedra, dunha gran biodiversidade. Nesta camiñada podemos gozar, ademais, de todas as manifestacións da auga, da calma, nos moitos remansos que se forman nos atrancos, e das carreiras e o son, nos rápidos e as fervenzas; e tamén de mostras culturais: o castro da Cidade, muíños, pontellas, un acueduto…
Color: