Miradoiros do Canón do Sil (Ourense)
Un percorrido lineal, en coche, con pequenas camiñadas, pola ribeira ourensá do Canón do Sil ao longo dos concellos de Nogueira de Ramuín, Parada do Sil, A Teixeira e Castro Caldelas. Unha viaxe por un dos espazos naturais máis emblemáticos do país, nunha área dun grande interese xeolóxico e paisaxístico, polas impresionantes formacións rochosas que se aprecian desde diferentes lugares, que nalgúns puntos acadan os 500 m de altura, con paredes case verticais; ecolóxico pola mestura de especies atlánticas e mediterráneas, a presenza de bosques autóctonos e de zonas remansadas creadas polos encoros onde se pode ver unha interesante avifauna; sen esquecer os valores histórico-artísticos e etnográficos. Todo este tramo do canón está protexido no LIC “Canón do Sil” e forma parte da área vitivinícola acollida á denominación de orixe protexida “Ribeira Sacra”.
Color: