Ruta: unha volta polo Xurés
Un percorrido en coche polo Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés
O Xurés é un amplo espazo no sur de Ourense, na raia de Portugal, que forma parte dun gran parque transfronteirizo (Xurés-Geres) no que podemos atopar paisaxes impresionantes, formas de grande interese xeolóxico (penedías, vales glaciares, fervenzas, surxencias termais…) unha gran biodiversidade, con especies pouco comúns, e variedade de mostras etnográficas e restos arqueolóxicos romanos e prerromanos. O Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés abrangue terreos dos concellos de Entrimo, Lobios, e Muíños. O LIC inclúe, ademais dos terreos do parque natural, a Serra da Pena e a Serra do Leboreiro nos concellos de Bande, Calvos de Randín, Lobeira, Padrenda, Quintela de Leirado e Verea. Dada a amplitude do espazo é imposible coñecelo nun día e, ao ser terreo de montaña, e protexido nunha gran parte, hai que percorrelo a pé. Propoñemos un primeiro achegamento que se pode facer nun día, de forma rápida, ou de vagar en varias etapas completándoo con algunha das numerosas rutas indicadas.