Ruta: unha volta polo Courel
Unha visita ao Courel
Cando falamos do Courel podemos referirnos a unha serra, que lle da nome á zona, a un concello (Folgoso do Courel) ou a unha área máis ampla de características comúns que abrangue, ademais do propio Courel, territorios de Quiroga, O Incio, Samos, Pedrafita e continúa por terras leonesas. A amplitude e variedade do territorio e as distintas posibilidades que ofrece ao longo dos cambios estacionais fai imposible coñecelo nunha única visita. Necesitaríamos moitas achegas, en distintas épocas do ano, e nunca dariamos visto todo. Hai numerosas rutas indicadas que permiten percorrer os lugares de maior interese. Propoñemos un primeiro achegamento en coche, un itinerario para un día enteiro, que se completa con pequenas camiñadas.