Ruta: serra do Xistral
Unha volta polo Xistral
O Xistral é o núcleo do conxunto de serras que separan a Mariña luguesa e os terreos costeiros do Cantábrico da Terra Cha. Esténdese ao longo de 13 km, con orientación NNE-SSO, entre os concellos de O Valadouro, Abadín, Muras e Ourol. Forma parte, xunto coa Toxiza, A Carba e o Monseiván, do LIC “Serra do Xistral” e está incluída en parte na Reserva da Biosfera “Terras do Miño”. É unha serra dun grande interese xeolóxico, e ecolóxico, por acoller unhas das mellores turbeiras de Europa e unha gran biodiversidade.
Propoñemos un primeiro achegamento cunha viaxe en coche duns 100 km, para rodeala, e pequenos desvíos a algúns dos lugares de maior interese. O coñecemento en profundidade da serra require longas camiñadas e achegas en distintas épocas do ano.