Ruta: serra do Larouco
Serra de Larouco (Cualedro, Baltar e Montealegre)
O Larouco é unha serra con orientación NE-SO, de cumes suaves que van gañando altura cara ao sur, rematando no cume do Larouco en terras de Portugal (1527 m). O punto máis alto en Galicia é o Coto Farelo, con 1396 m). Fai de línde entre A Limia e Portugal e prolóngase cara ao norte ata tocar coa serra de San Mamede polo cordal que fai de divisoria entre as depresións de A Limia e Monterrei. O extremo norte da serra tamén se coñece co nome de Montes de Cualedro e Alto das Estivadas, zona de paso das vías de comunicación de Ourense a Verín. Unha grande parte da serra está cuberta de vexetación de mato e repoboacións forestais de piñeiros. Consérvanse zonas de bosques de Cerquiño. Nos cumes de Portugal hai turbeiras. Desde diferentes puntos hai unha vistas panorámicas excepcionais de toda a comarca.