Ruta: Monte Alba
Panarómica de Vigo e a ría.
A cidade de Vigo, con case trescentos mil habitantes, é a máis poboada de Galiza. Capital do concello do mesmo nome, aséntase na banda sur da ría mirando ao Morrazo e ás illas Cíes. Para contemplala en toda a súa extensión propoñemos un achegamento ao monte Alba, un lugar que destaca sobre todos os demais, pola súa proximidade á cidade, pola amplitude das vistas e porque nos permite pasar un día dando pequenas camiñadas e gozando da natureza. O monte Alba (coñecido tamén como monte de San Bartolomeu) atópase na parroquia de Valadares. Desde o cume podemos contemplar todo Vigo, a ría, as illas Cíes e Ons, a península do Morrazo, a serra do Galiñeiro, o val Miñor e parte da costa ata Cabo Silleiro e os montes da Groba.