Ruta: Praia de Vilarrube
Unha camiñada polos areais de Vilarrube, entre Valdoviño e Cedeira
Un percorrido de 3 a 4 km, que se pode multiplicar se a marea está baixa, por unha superficie de area fina e compacta que se acumula no fondo da ría de Cedeira, na enseada do Esteiro, detrás do estreito que forman o monte Burneira e a punta Robaleira. Un inmenso areal que crearon, na punta de Vilarrube, as forzas encontradas, e os materiais que achegan, o mar e os ríos das Forcadas e das Mestas no que destaca, ademais da praia, de 1,5 km de lonxitude, o seu sistema dunar, que supera nalgúns puntos os 300 m de cumprimento, e a grandiosidade do espazo que o devalar da marea deixa ao descuberto: unhas 40 ha de esteiro no río das Forcadas, máis de 100 ha no esteiro do río das Mestas e unhas 70 ha máis de intermareal fronte á praia; tres amplos espazos que serven de refuxio a anátidas e limícolas e acollen, principalmente o do río das Mestas, bancos marisqueiros.