Ruta: Corrubedo
Parque Natural de Corrubedo (Ribeira)
Un percorrido a pé polo Parque Natural de Corrubedo (Ribeira-A Coruña). O conxunto formado polos areais de Corrubedo e o seu contorno son unha das áreas naturais costeiras máis sonadas do país, pola beleza das súas paisaxes, polo valor xeolóxico (a duna móbil máis alta de Galiza) e pola gran diversidade de ecosistemas e especies vexetais e animais que acolle.
O parque natural “Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán” abrangue 966 ha, no suroeste da Península do Barbanza en terreos do concello de Ribeira. Está formado por un amplo areal de 4 km de lonxitude limitado por cantís rochosos nos seus extremos; a marisma do Carregal e a lagoa de auga dóce de Vixán.