Comarca Pontevedra
CONCELLOS: A Lama, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa.
A comarca de Pontevedra esténdese desde a costa, no fondo das rías de Pontevedra e Vigo, aos cumes da Dorsal Galega nas serra do Cando e o Suído. É unha comarca cun medio físico moi variado onde se poden atopar paisaxes costeiras, vales fluviais e unha grande parte de terreo montañoso que, partindo das serras orientais vai perdendo altura pouco a pouco ata a Depresión Meridiana, unha foxa tectónica que ocupa o centro dos concellos de Barro e Pontevedra con direción N-s e na que se concentra a maior parte da poboación e das infraestruturas. A rede fluvial estrutúrase na maior parte arredor do Lérez e, en menor medida, do Verdugo.