Ruta: Devesa de Rogueira (O Courel)
Unha camiñada polo interior da Devesa de Rogueira
A Devesa de Rogueira é unha das fragas máis extensas e con maior biodiversidade de Galiza. Unha ruta das máis concurridas do Courel polo seu interese paisaxístico e pola súa biodiversidade. Está situada na aba do monte Formigueiros, nun antigo circo glaciar orientado ao noroeste. Forma parte do LIC (rede Natura) “Os Ancares O Courel” e foi declarada recentemente polo Fondo Mundial para a Natureza como unha das seis áreas de bosque autóctono máis importantes da Península Ibérica. O gran interese deste bosque débese á variedade dos hábitats que se poden atopar nel, froito da combinación de diversos factores: o illamento, as diferencias de altitude e orientación, o relevo, a variedade de estratos rochosos (xistos, lousas, calcárias, cuarcitas…), e a situación no Courel, unha área de contacto entre as rexións florísticas atlántica e mediterránea.